32 obras da artista lucense Sabela Arias chegan a Rede Museística Provincial
Trátase da exposición Conversas, unha mostra que estará repartida polos catro museos provinciais gratuíta e aberta ao público ata o 30 de abril. A mostra está composta dunha serie de obras que falan sobre feitos cotiás e o día a día. A partir das figuras centrais das obras nacen imaxes e lembranzas e a cor é a parte esencial de todos os seus traballos
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, e a artista, Sabela Arias Castro, inauguraron, este xoves, na Sala Multiusos do Museo Provincial a exposición, Conversas. Unha mostra composta por 32 pezas e integrada dentro do proxecto expositivo “EU… TI… ELAS… NOSOUTRAS… NOSOUTRXS EN REDE 2019”, que estará repartida polos catro museos que forman a Rede Museística Provincial. A exposición estará aberta ao público ata o 30 de abril. A entrada é gratuíta.
García Porto subliñou que “dende o Goberno da Deputación apoiamos numerosas iniciativas dos talentos da provincia para dar a coñecer entre os veciños a riqueza cultural e artística que temos en Lugo. A través da súa obra Arias, veciña de Lugo, intenta plasmar os pequenos acontecementos do día a día, como poden ser os sons, os olores, un pensamento ou unha conversa. Un dos factores máis característicos dos traballos é a cor, parte esencial dos traballos, define cada elemento por separado e a súa interrelación. O conxunto é un todo e cada peza non perde o seu significado”.
Sabela Arias
Lucense, pintora e artística plástica, os seus primeiros estudos artísticos foron na Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón, máis tarde licenciouse en Belas Artes na Universidade de Salamanca e os cursos de postgrao realizounos na Universidade do País Vasco.
Traballou en proxectos de ilustración, tanto de libros infantís como de humor gráfico. Desde o 1988 realiza as súas propias exposicións, entre as que caben destacar a Feira de Arte de Holanda, e en salas de diversas cidades como Lugo, Redondela, Ferrol, Ourense, Coruña, Betanzos, ou Bilbao entre outras.
Ademais tamén participou en exposicións conxuntamente con outros artistas, as obras recorreron París, Oporto, Tras-Os-Montes, El Salvador, Pamplona, Sarajevo, Tarragona, Nueva York ou Santiago de Compostela.